Monday 01 de July de 2024

O alcalde destaca no inicio das obras do parque Adolfo Suárez que este proxecto supón a “reforma integral” de Visma


Negreira asegura que a nova zona verde se completa con outros equipamentos e servizos no barrio, como dous campos de fútbol e novos viais, o que supón un investimento de máis de 11 millóns

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, visitou esta mañá o inicio das obras do parque Adolfo Suárez, un proxecto que permite “completar unha serie de equipamentos e servizos públicos entre San Pedro de Visma e Agra del Orzán por máis de 11 millóns de euros”. En total, proxectáronse a urbanización de 100.000 metros cadrados, dos que 70.000 se dedicarán a este novo espazo verde.
“O proxecto responde ás demandas dos cidadáns de dispoñer de novos espazos verdes, así como de contar con campos de fútbol, un lago artificial, sendeiros e cunha maior accesibilidade a través de tres novos viais. O parque será unha referencia non só para
o barrio de Visma, senón que tamén para Os Rosales, Labañou,Agra, ou Ventorrillo e Os Mariñeiros”, destacou Carlos Negreira sobre esta “reforma integral” do barrio de Visma na que, segundo adiantou o alcalde, tamén inclúe a dotación de rede de saneamento e a ampliación de viais no ámbito urbano máis próximo ao parque Adolfo Suárez.
Esta nova obra, cun prazo de execución máxima de 9 meses, alcanzará os 70.000 metros cadrados, aos que se suman outros 30.000 para os campos de futbol que constrúe a Federación Galega de Fútbol e para os novos accesos que se executan con motivo de todos estes equipamentos.
Coa creación do parque Adolfo Suárez, o Goberno municipal busca dotar a zona cun espazo lúdico e de recreo, poñendo especial énfase na accesibilidade e a sostibilidade. Neste sentido, para o deseño da urbanización tivéronse en conta criterios ambientais, de eficiencia enerxética e sostibilidade.
O novo pulmón verde, situado nunha parcela anexa á residencia dePadre Rubinos que xa está en funcionamento, constará de 3 zonas:

. Zona oeste. Sitúanse dous dos accesos: un peonil na parte norte -accesible dende a Estrada dos Fortes- e outro na parte sur, no ámbito da igrexa de Visma, equipado con prazas de aparcadoiro. Contará cun lago artificial alimentado polas escorrentías e mananciais existentes no propio parque, no que se sitúa un muíño de auga. Aproveitando a pendente do terreo, servirá tanto para o uso lúdico coma para a xeración de enerxía de consumo do propio parque.

. Zona central. Inclúe os dous campos de fútbol de herba artificial e os seus vestiarios e o edificio da Federación Galega de Fútbol. Ambas as dúas instalacións dispoñerán de aparcadoiros conectados entre si. A Federación Galega de Fútbol construirá os dous campos de fútbol e a nova sede da entidade, mentres que o Concello poderá dispoñer das instalacións durante polo menos 11 meses ao ano.

. Zona este. Propoñen sendeiros que percorran o outeiro, fomentando a práctica do deporte. O obxectivo do Goberno municipal é que comunique todos os equipamentos deportivos e espazos verdes desta zona cos seus arredores.
O parque de Visma dispoñerá ademais de dúas áreas de aparcadoiro. En total, 61 prazas, das cales 2 se destinan a persoas con mobilidade reducida. Esta zona de estacionamento
compleméntase coas 83 prazas dispostas na intervención para a construción dos campos de futbol na mesma parcela. Tamén se habilitarán 360 prazas de aparcadoiro de bicicletas, distribuídas arredor das entradas ao parque.
CONVENIOS DE COLABORACIÓN
A creación deste novo pulmón verde da cidade adxudicouse por 2.219.140 euros, o que supón un aforro do 26% con respecto ao presuposto de licitación, fixado en 3 millóns de euros. A obra está financiada pola Fundación Amancio Ortega a través dunha doazón, en virtude do convenio para a nova residencia de Padre Rubinos -asinado por Concello, Fundación Amancio Ortega e a Institución Benéfico Social Padre Rubinos-.
O alcalde agradeceu tanto a colaboración da Fundación Amancio Ortega na creación deste parque como da Federación Galega de Fútbol na construción dos dous campos -dos que gozarán máis de 5.000 nenas e nenos da cidade- e da súa propia sede. “Non tiven ningunha dúbida sobre a construción da nova sede da Federación Galega de Fútbol, nada que me faga pensar que non se vai cumprir o convenio asinado,” explicou
Carlos Negreira.
O alcalde destacou que a execución de todos estes proxectos enSan Pedro de Visma supoñerán “un antes e un despois” para o barrio. O investimento global supera os 11 millóns de euros, un presuposto que supera os 30 millóns de euros se se suman as novas instalacións de Padre Rubinos na zona.